martes, 30 de maio de 2017

Réquiem por unha fraga e un río, o Anllóns.



Unha vía romana, un camiño histórico baixo o formigón dun campo de tiro olímpico.
Chamábase Vilar da Fraga, agora Vilar dos Tiros.
Réquiem por unha fraga e un río, o Anllóns.



Camiño real truncado polas instalacións do campo de tiro.

A fraga de Vilar da Fraga está a ser parcialmente eliminada para a construcción dun Clube de tiro olímpico e campo de tiro e prato e un Campo de tiro olímpico de 50 metros.
Os solos sobre os que se construen as instalacións están clasificados como solo rústico de protección natural, solo rústico de protección de augas e solo rústico de protección agropecuaria.
O certo é que unha parte da fraga xa foi eliminada, e no seu lugar, e con afección ao camiño real, construiuse unha gran mole de cemento como clube de tiro e outras instalacións formigonadas aínda en construcción.
Instalacións do clube e campo de tiro olímpico de Soandres, en Vilar da Fraga, Laracha.
O solo rústico perdeu tal carácter ao eliminar os elementos naturais e ecolóxicos intrínsecos que o configuraban. Ao eliminar a funcionalidade dos solos e a fraga, xunto cos seus valores naturais e ecolóxicos de xeito irreversible, e perderse o carácter agrícola das parcelas, produciuse unha transformación urbanística non amparada legalmente.
O camiño histórico tal e como aparece reflictido no libro “INTERROGATORIO” da parroquia de San Pedro de Soandres de 1752, do Catastro do Marqués da Ensenada, incluido no fondo documental da Real Intendencia de Galicia, que se custodia no Arquivo do Reino de Galicia, coa signatura 46.322.2626, páxinas 5 e 6 do documento citado, está directamente afectado polas instalacións do campo de tiro, afectando directamente a este.
Este documento acredita que o Camiño real pasa pola Mansión de Atricondo é continuación do camiño de Santiago e segue por esta zona desde Hospital Bruma, AS Travesas, Santiago de Sumio, Encrobas, O Castelo, Picardel, Paradela, Refojo Mantiñán, Posadoiras, Santa Baia, Vilar de Fraga, ruta que seguiría cara Ponteceso pola marxe do río Anllóns ou ben a “Brigantia” Mansion de Brigantium (A Coruña). O Camiño real tamen coincidiría neste treito coa Vía Per Loca Marítima XX.

O Camiño real está vencellado á antiga vía romana en parte polos restos atopados en diferentes lugares moi próximos entre eles: Cerqueira, Refojo-Mantiñán, Codesuso-Millarade e Castro Baia, e sobre todo pola paraxe de Vista Alegre onde existe constancia dunha feira notoria e importante, andecedente do que é actualmente a feira de Paiosaco.
No documento denominado “Estudio de Impacto Ambiental para Instalación de Tiro Olímpico e Tiro o Prato no concello de Laracha”, o técnico redactor, recolle como impactos durante a fase de funcionamento:
-          Emisións atmosféricas.
-          Emisións acústicas.
-          Xeración de residuos de proxectís.
Na páxina 49/84 do estudo recoñece o técnico que: “Derivado da realización das actividades de tiro desenvoltas na instalación construídas prodúcese unha emisión de gases contaminantes derivados da combustión de pólvoras empregadas nos distintos tipos de munición o efecto contaminante é o resultado da acumulación de partículas en suspensión na atmósfera. Esta contaminación en situacións climáticas desfavorables (ventos constantes) podería traspasar os límites da área de execución, e esternderse polos arredores transportda polos ventos da zona”.

Tendo en conta que o proxecto afecta tamen a solo rústico de protección de augas, por ubicarse á beira o río Anllóns, que nace precisamente preto da Fraga, e que a infraestrutura se ubica por tanto na cabeceira do río, as partículas contaminantes de pó en suspensión poderían chegar as augas e contaminalas ata a súa desembocadura no río de Corme-Laxe.
Cómpre ter en conta que hai poboacións que se abastecen para consumo humano directamente destas augas.
Na páxina 67/84 do referenciado estudo, recoñécese que:
“Derivado da actividade realizada dentro das instalación a construír, xérase residuos con chumbo que se depositan no chan das instalación. O lugar onde estes se depositan é un chan que non foi manipulado de ningunha forma, sendo este chan orixinal. Ao ser instalación descubertas as choivas poden oxidar o metal dos residuos de chumbo, disolvéndose e formando sales de chumbo que son absorbidas polo chan, o cal pode significar a entrada do chumbo na cadea trófica, sendo este metal pesado altamente tóxico afectando á fisioloxía dos seres vivos.

Este feito, xa de seu grave, o é máis para o home cando vexetais que se consumen directamente polo home, que se nutren nestes chans”.
Do mesmo xeito, na páxina do estudo 53/84, recoñécense os impactos sobre as augas superficiais e os cursos fluviais, ao indicar como potenciais alteracións:
-          Aporte de elementos de suspensión ao río e
-          Aporte doutros elementos contaminantes.
Por outra banda, existe un impacto significativo non considerado relativo aos niveis sonoros das emisións acústicas. A actividade levada a cabo na instalación (práctica de tiro) leva asociada a xeración dun ruído provinte das detonacións de armas alí empregadas. A probabilidade de ocorrencia é alta e permanente con efectos significativos sobre a fauna, incluído a ictícola, aves nocturas, a cidadanía que transita polas vías públicas lindeiras á instalación, sendeiristas,…etc. Cómpre ter en conta que á beira das instalacións existen varios camiños e a estrada AC-523.
Recoñece o estudo de impacto ambiental que a situación do proxecto coincide na zona de fontes do río Anllóns na parroquia de Soandres, vertente noroccidental dos montes do Xalo, estando formada a súa cabeceira por numerosos regatos que, cunha disposición dendrítica, nacen nas proximidades da Fonte de Quenlle da Grela (páx. 24/84).
Ignóranse as condicións nas que será tratado o chumbo e as sales de chumbo que se poden depositar nos chans e nos leitos dos cauces e das augas, nen nas partículas de pó contaminante en suspensión que afectarían á saúde dos ecosistemas, e por ende á saúde humano.
Non se ten en conta tampouco o ruído derivado dos sons dos proxectís e do impacto significativo do ruído sobre da fauna da zona e a cidadanía que transita polos camiños públicos lindieros, estrada…etc, nen a afección sobre a granxa de gando vacún situada a escasos metros da instalación. Isto pode ter repercusións sobre a seguridade da cidadanía. Sobre estes extremos debera informar a Subdelegación do Goberno de A Coruña.
Prodúcese unha transformación da natureza rústica dos solos e elimínanse os valores ecolóxicos, ambientais e culturales obxecto de protección de xeito irreversible.

Camiño real trucado polas instalacións do campo do tiro.

Recentemente, o 23 de maio deste ano, celebrouse un Encontro organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Neste evento tratouse sobre o O ESTADO ACTUAL DAS VíAS ROMANAS EN GALICIA E A NECESIDADE DUNHA MAIOR PROTECCIÓN, coordenado polo experto D. Carlos Nárdiz Ortiz.

No desenvolvemento do encontro D. Carlos Nárdiz Ortiz falou do camiño real de Vilar da Fraga, parroquia de Soandres, no municipio de Laracha, e incluso se refire ao mesmo como vía romana.

 Agora este camiño está moi afectado polas instalacións do campo de tiro nun tramo do mesmo.

No seguinte enlace pódese escoitar as referencias ao mesmo, a partir do minuto 33:14 aproximadamente.